IMAGEN DE APOYO ACTIVIDADES CULTURALES/ Conferencias 2010

CICLO DE CONFERENCIAS LITERARIAS
MAESTR@S DE PAPEL

Xoves 13 de maio, 20:00 h.
MARCOS CALVEIRO E LUÍS REI NÚÑEZ: “A imaxe reinventada

Luís Rei Núñez e Marcos Calveiro tenderon unha ponte entre Literatura e Pintura e Literatura e Cine a partir do laborioso traballo de reconstrución imaxinaria dunhas vidas que brotan da contemplación duns cadros ou do visionado dunha película, actos ambos que desencadean o feitizo febril da emoción narrativa.

Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958), xornalista de profesión e xefe de cultura da Televisión de Galicia, é autor dunha obra literaria que inclúe os poemarios publicados na década dos 80 A rolda invisible, A rota dos adeuses, Arca dos faiados e Para matar o tempo, compilados na súa maioría no libro Alma mareira (2003). Como biógrafo, tamén nos 80, é autor dunha das biografías máis rigorosas e documentadas que se escribiron sobre un Rafael Dieste, por aquel entón bastante descoñecido en Galicia, Rafael Dieste A travesía dun século (1987); o volume ensaístico Poetas Andantes Navegantes (1995) e máis recentemente á biografía do fotógrafo coruñés Vari Caramés. Antologou tamén a obra dos poetas Luis Pimentel e Eugenio de Andrade. É autor tamén dun libro de xénero difuso, Imán Fisterra (1995) ou Colección de bolboretas, ata hoxe a súa primeira e única incursión no xénero infantil. Participou en antoloxías colectivas como Alma de beiramar. Rei Núñez revelouse como unha das voces máis orixinais da narrativa galega actual, sendo autor de varias das mellores novelas da nosa literatura nas que deixa constancia da súa madurez como narrador con oficio: Expediente Artieda (2000, Premio Xerais 2000), A estrela dos polisóns (2003), Toda a vida (2005), O señor Lugrís e a negra sombra (2007, Premio da Crítica Española e Premio da Federación de Libreiros de Galicia ao mellor libro do ano), e Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009).

Marcos Calveiro (1968), vive en Vigo, onde desenvolve a súa actividade profesional como avogado. Deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares(2006) e Rinocerontes e quimeras (2007), novelas que xa chaman poderosamente a atención da crítica polo coidado do léxico e pola orixinalidade das temáticas tratadas. Apuntaba un escritor de amplo rexistro e mirada aberta como o demostrou nas súas obras seguintes O carteiro de Bagdad, (Premio Ala Delta de Literatura Infantil 2007 e White Ravens 2008) e Festina lente, novela histórica que se adentra no mundo da edición na Composela do século XVI; viñeron logo O canto dos peixes (Premio Barco de Vapor 2008) e O pintor do sombreiro de malvas (Premio Lazarillo 2009). A súa última obra, Setteccento, ambientada na Venecia de Vivaldi, mantén unha trusgadela de ollo con aquel Santiago histórico da súa novela histórica anterior ao tempo que se achega á personaxe do músico italiano. Como poeta publicou Cartas do terceiro día (2007), Premio de Poesía Concello de Carral.

 

2010 - 2009 - 2008


MAESTR@S DE PAPEL